lunes, 6 de junio de 2016
Iniciativas para o día da muller. Grupo de traballo de convivencia do IES Afonso X O Sabio
Os responsables do grupo de traballo de convivencia con motivo da conmemoración do próximo día da muller traballadora e para fomentar a igualdade propón as seguintes actividades co alumnado:
CONVIVENCIA PARA A IGUALDADE
Realizaranse actividades (nas clases de atención educativa, nas titorías e en todas aquelas nas que o profesorado este disposto a adicarlle tempo ás estas actividades) sobre o tema: “A muller no mundo laboral”
As actividades deberán tocar calquera dos seguintes aspectos:
-Tempo que leva a muller dentro do mundo laboral.
- Traballos ou actividades que se consideran tradicionalmente masculinas ou femininas (profesións, ciencia, arte…)
- Postos de traballo que ocupan e condicións salarais.
- Dereitos da muller.
- Sufraxismo.
Suxestións para as actividades sobre calquera dos aspectos mencionados anteriormente
• Carteis ou muráis, que se expoñerán no mes de marzo no hall.
• Presentacións dixitais, que se proxectarán na pantalla dixital do hall.
• Pequenos traballos de investigación.
• Debates.
O traballo desenvolverase durante o mes de febreiro e no mes de marzo, cando se podrán expoñer os resultados das actividades levadas a cabo.
Protocolo de cambios de clase
Dende o grupo de convivencia do profesorado estamos traballando unhas propostas para presentar ao claustro e pór en marcha ao longo deste trimestre.
Tendo en conta os datos que aparecen na enquisa sobre convivencia respondida pola metade do profesorado e todo o alumnado, na que aparecía que a maioría das disrupcións se daban nos recreos e nos cambios de clase; pensamos que o número de conflitos entre o alumnado podería verse moi reducido se limitamos os momentos que estes están fóra das aulas.
Diariamente, cando o profesorado entra na aula, observamos que o alumnado non ten os materiais correspondentes para utilizar na seguinte clase sobre a súa mesa. En xeral aínda se atopan sobre a mesma os materiais da clase anterior ou están a medio recoller, xerándose así unha situación de certo caos ao inicio da sesión.
Ademais, é o profesorado quen ten que dar o aviso de substituír os materiais usados na clase anterior polos da seguinte. Isto dá lugar a que se dedique parte do tempo a completar este cambio.
Co obxecto de axilizar o cambio de clase e que, á súa vez, o alumnado asuma a súa responsabilidade neste tema, propoñemos o seguinte:
- Lembrar ao alumnado que non se pode saír aos corredores se teñen clase na súa aula e, no caso de ter que desprazarse á unha aula específica, non deben pararse nos corredores
- O alumnado preparará os materiais correspondentes á clase seguinte nos últimos minutos da anterior, gardando de forma ordenada os da sesión actual.
- Para facilitar o labor e evitar disrupcións cara ao remate das clases, poderá ser o alumnado (unha persoa designada polos titores mediante un sistema rotatorio, ou o delegado ou subdelegado elixido) o encargado de dar o aviso ao profesorado nos minutos finais. Deste xeito delegamos a responsabilidade nos propios rapaces. Sempre tendo en conta que o timbre avisa pero non ordena, o que fai a indicación de remate da sesión de clase sempre é o profesorado.
- Imprescindible sería, polo tanto, a colocación dun reloxo en cada aula. Isto evitaría tamén que o alumnado interrompa a clase preguntando a hora aos seus compañeiros.
Agradecemos toda suxestión que nos acheguedes e grazas pola valiosa colaboración.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)