lunes, 6 de junio de 2016

Protocolo de cambios de clase

Dende o grupo de convivencia do profesorado estamos traballando unhas propostas para presentar ao claustro e pór en marcha ao longo deste trimestre. Tendo en conta os datos que aparecen na enquisa sobre convivencia respondida pola metade do profesorado e todo o alumnado, na que aparecía que a maioría das disrupcións se daban nos recreos e nos cambios de clase; pensamos que o número de conflitos entre o alumnado podería verse moi reducido se limitamos os momentos que estes están fóra das aulas. Diariamente, cando o profesorado entra na aula, observamos que o alumnado non ten os materiais correspondentes para utilizar na seguinte clase sobre a súa mesa. En xeral aínda se atopan sobre a mesma os materiais da clase anterior ou están a medio recoller, xerándose así unha situación de certo caos ao inicio da sesión. Ademais, é o profesorado quen ten que dar o aviso de substituír os materiais usados na clase anterior polos da seguinte. Isto dá lugar a que se dedique parte do tempo a completar este cambio. Co obxecto de axilizar o cambio de clase e que, á súa vez, o alumnado asuma a súa responsabilidade neste tema, propoñemos o seguinte: - Lembrar ao alumnado que non se pode saír aos corredores se teñen clase na súa aula e, no caso de ter que desprazarse á unha aula específica, non deben pararse nos corredores - O alumnado preparará os materiais correspondentes á clase seguinte nos últimos minutos da anterior, gardando de forma ordenada os da sesión actual. - Para facilitar o labor e evitar disrupcións cara ao remate das clases, poderá ser o alumnado (unha persoa designada polos titores mediante un sistema rotatorio, ou o delegado ou subdelegado elixido) o encargado de dar o aviso ao profesorado nos minutos finais. Deste xeito delegamos a responsabilidade nos propios rapaces. Sempre tendo en conta que o timbre avisa pero non ordena, o que fai a indicación de remate da sesión de clase sempre é o profesorado. - Imprescindible sería, polo tanto, a colocación dun reloxo en cada aula. Isto evitaría tamén que o alumnado interrompa a clase preguntando a hora aos seus compañeiros. Agradecemos toda suxestión que nos acheguedes e grazas pola valiosa colaboración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario